Dirección: Eloy Domínguez Serén
Produción: Filmika Galaika
Dirección de fotografía: Eloy Domínguez Serén
Festival Internacional de Cine de Xixón 2020 / International Documentary Festival Amsterdam 2020 / Festival du Court Métrage de Clermont-Ferrand 2021
Na provincia de Ourense festéxase cada ano unha das formas máis antigas de Entroido. Ao longo de varios días celébranse folións, corredoiros e baixadas con felos, cigarróns, pantallas e peliqueiros, figuras que visten espectaculares traxes, que inclúen grotescas máscaras e cintos dos que colgan grandes e sonoroa chocas, e que corren polas aldeas batendo nos visitantes coa súas fustas. Outra tradición é a farrapada, unha batalla na que os participantes se lanzan os uns aos outros bandallos enchoupados en lama. Tamén se combate unha guerra anárquica na que se arroxa fariña, formigas, cinsas e toxos sobre os participantes, mentres un enorme himenóptero se eleva desafiante sobre a multitude.
Os singulares festexos, alumados con fachos e acompañados do estrondo de tambores, fílmanse de modo envolvente neste documental: é coma se o propio espectador estivese cercado polos esmorguistas, inmerso nun antigo ritual pagán. As multitudinarias escenas nocturnas, con aglomeracións de xente a miúdo apiñadas, adquiren un significado adicional ao saber que esta celebración tivo lugar a finais de febreiro, só dez días antes do primeiro caso confirmado de Covid-19 en Galicia.

Outros traballos