O Laboratorio NUMAX fai parte de NUMAX, unha cooperativa de traballo ubicada en Santiago de Compostela que conta ademais cunha sala de cinema con programación diaria e unha libraría de literatura, arte e pensamento. O Laboratorio oferta, entre outros, servizos de deseño gráfico, programación web e aqueles específicos da nosa área de Vídeo, especializada en montaxe e etalonaxe cinematográfica.
Edición
Seleccionar, cortar, unir, descartar... Se hai algo que nos move é construír sentido, emoción e pensamento coas imaxes. Sexa para unha curta ou unha longametraxe, ficción, documental ou experimental, abordamos a montaxe cinematográfica como un proceso creativo determinante para sacar o máximo partido de cada filme.
Corrección de cor e etalonaxe
Desde o igualado de cámaras até a creación de novos estilos visuais, a etalonaxe preséntase no mundo dixital como unha etapa imprescindible de calquera produción. Equipados coas ferramentas de maior precisión cromática e a nosa sala de cinema 4K, traballamos na estética visual dos filmes até deixalos listos para exhibir tal e como queredes velos.
Masterizado DCP e deliveries
Temos ampla experiencia na creación e edición de DCPs para exhibición en salas, así como na codificación segundo especificacións técnicas das plataformas televisivas e VoD polas que actualmente se distribúe gran parte do noso cine.
Apoio técnico en festivais
Estamos presentes como coordinadores técnicos, asesores e editores de DCP, revisores de copias ou proxeccionistas de numerosos festivais de cinema como o Festival de San Sebastián, Novos Cinemas, Majordocs, Cineuropa ou o (S8) Mostra de Cinema Periférico. Temos asistido en pasadas edicións ao Festival de Ourense ou o Curtocircuíto de Santiago de Compostela.
Subtitulado
O noso compromiso coa versión orixinal subtitulada lévanos a traballar habitualmente no proceso completo de subtitulado de filmes e vídeos de calquera tipo: tradución, transcrición, spotting list, sincronización, exportación a imaxes e inclusión de novas pistas en DCPs xa existentes.
Outros traballos
Realizamos pezas de pequeno formato destinadas á promoción de festivais, exposicións de arte, ciclos de cine ou trailers. Aquí podedes consultar unha mostra do noso labor neste campo.